Tuesday 30 de April de 2024

Feijóo resalta que a colaboración con HPE é “un paso importante para consolidar o desenvolvemento do Big Data en Galicia”


Anuncia a posta en marcha, xunto con Vodafone, dun novo centro para impulsar a Innovación Social Dixital

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá, durante a presentación do novo Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de Hewlett Packard Enterprise, que a colaboración coa multinacional “é un paso importante para o desenvolvemento do Big Data en Galicia”. En virtude do convenio asinado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora da Amtega, Mar Pereira, con HPE, a empresa trasladará a súa actividade á Cidade da Cultura, onde traballarán cincuenta expertos no asesoramento en proxectos de Big Data e Intelixencia de Negocio.

Feijóo resaltou a consolidación do Gaiás como “o corazón dixital de Galicia”, no que traballan 400 profesionais TIC, entre os traballadores da Amtega, de empresas tecnolóxicas que colaboran con proxectos públicos de transformación dixital e doutras iniciativas como o Galicia Open Future de Telefónica. Ademais, anunciou a posta en marcha, en colaboración con Vodafone, dun novo centro para impulsar a Innovación Social Dixital.

O titular do Goberno galego presentou o acordo como un dos resultados do Pacto Dixital de Galicia, grazas ao que 13 empresas do sector están a colaborar coa Administración autonómica para situar a Comunidade como un referente tecnolóxico na atracción de investimentos, o desenvolvemento de proxectos con potencial tractor e a internacionalización das pemes. Nese senso, lembrou que Galicia xa é a quinta autonomía en número de empresas tecnolóxicas, con 2.200 compañías e 14.400 traballadores.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta tamén reivindicou a importancia da formación como vehículo imprescindible na consolidación o sector. Para iso, o acordo con HPE contempla o desenvolvemento dun programa de asesoramento a titulados universitarios, que permitirá seguir afondando na colaboración entre a universidade e a empresa e formar profesionais de alta cualificación nas TIC.

Galicia, sociedade dixital
O convenio asinado hoxe constitúe un paso máis na transformación de Galicia nunha sociedade dixital en todos os ámbitos, cun gran investimento das institucións públicas e privadas, que ascenderá aos 3.000 millóns de euros ao final da década. Nesa liña, Feijóo lembrou a posta en marcha do proxecto Abalar, no eido educativo, a receita electrónica, na sanidade pública, ou a Historia Social Única Electrónica, que foi presentada onte no Consello da Xunta. Grazas a este tipo de iniciativas, hoxe 8 de cada 10 trámites coa Administración autonómica xa se poden realizar por vía electrónica.

Finalmente, o mandatario galego tamén quixo salientar os esforzos do Executivo por reducir a fenda dixital, outro dos grandes retos que Galicia está a afrontar con éxito. Desde 2009, o número de usuarios da rede aumentou en 350.000, un 40%, e 700.000 galegos obtiveron cobertura. Para seguir avanzando nese camiño, Feijóo destacou o desenvolvemento do Plan de Banda Larga 2020 e do Plan de inclusión dixital, que buscan facilitar a conexión a redes ultrarrápidas a toda a poboación e fomentar o uso e a formación avanzada nas TIC.